Spring 2024 - Recrudescence
Eva Moreda
Mirabamos todas, postas de puntas tras da fiestra, para Sor Elvira Lecumberri subir cara o Polar, o colexio, pola corredoira pina que tiraba desde Agromos, o lugar. Sor Elvira Lecumberri, dicimos, aínda que da última vez que a víramos xa non era Sor: saíra de monxa, deixara Polar, para casar no século. Aló subía con aqueles andares que sempre lle admiráramos, pode ser que algo máis encollida do que estábamos afeitas, ela que era unha muller tan tan alta. Podía ser, podía non ser: xa estaba a se facer noite e custábanos poñernos de puntas, saciadas como estabamos despois da enchenta que sempre se facía en Polar o día antes de empezarmos o curso (porque Sor Dolor, a superiora, era anglófila, e ben que lle gustaban aquelas cerimonias todas: a nós tamén, pero doutro xeito). Fora aquel o segundo ano que non sentara Sor Elvira Lecumberri no medio de nós: pero, matinabamos agora na fiestra, era obvio que un terceiro ano sen ela xa non ía haber. (Na escuridade, a forza de mirar, distinguimos que levaba un chapeu, dos que levaban as señoritas, as nosas irmás máis vellas, por darlle un exemplo, pero non lle dabamos visto se debaixo levaba cofia, e isto aínda que algunha de nós ben teimaba por ver e case sacaba medio corpo da fiestra para fóra: aínda éramos novas e facíamos aquelas cousas; así era daquela o facer de Polar). Díxonos para o outro día Sor Mártara a Nova cando nos dictaba os horarios: Terceira hora, costura. Preguntamos: Costura? Contestou ela: Iso dixen. Andan vostedes xordas ou que: a ver se lle vou ter que dicir a Sor Priscila que non veña xa máis. (Sor Priscila era unha monxa guapísima que non vivía en Polar: vivía na Coruña cos pais, e unha ou dúas veces ao mes viña tocar o órgano e ensaiarnos. Que faría en Coruña cando non estaba con nós, non lle sabemos). Copiamos, logo, coa man que xa non podiamos nin aguantar o lapis dereito: Costura. Costura, por explicarlle a vostede, era o que ensinaba Sor Elvira Lecumberri cando aínda era monxa: facíanos poñer en parellas, nunca as mesmas, tomarnos as medidas as unhas ás outras, cortarnos a roupa sobre o corpo mesmo: e non eran estas tampouco prendas que puidésemos levar en Polar (só se podía levar o uniforme, o camisón ou nada) nin nas nosas casas, pero colgábamolas nos armarios e aló as tiñamos coma un tesouro; 152
Made with FlippingBook flipbook maker