Spring 2024 - Recrudescence

estabamos na idade. O último día de dous cursos para atrás, chegara Sor Elvira Lecumberri e anunciara na aula principal diante de todas que saía de monxa para casar. Case esperabamos que quitase a cofia aló diante nosa, con fruición, pero non o fixo, e menos mal, que axiña nos demos conta de que aquel era un desexo que só podería ter unha cabeza aínda sen formar de todo. Para o curso que seguiu, decidírase que as clases de coser as dese Sor Mártara a Vella, pero non resultou, porque Sor Mártara a Vella chegaba e mandábanos coller puntos como se fose aquilo calcetar. Non pasara nin un mes cando dixo Sor Dolor que se substituían as clases de costura por unha hora máis de aire libre: e así foi. Foi daquela tamén que se soubera con algo de máis fundamento en Polar con quen casara Elvira Lecumberri: fora co director dun xornal, e era este un xornal que algunhas de nós coñeciámonos das nosas casas, porque o empezaran a traer os nosos irmáns máis vellos - os que andaban a estudar para cousas como Notarías, Comercio, Piloto e logo no tempo de leisure escribían poemas - e, cando o traían, os papás rosmaban e dicían: a ver que trapallada traes; moito vos gusta aos mozos facer o que pensades que non queremos que fagades (as mamás non dicían nada, porque andaban a outras cousas). Logo, cando se aburrían, acababan os papás por coller o xornal e lelo. Entón dicían: Vouvos dicir unha cousa: que a ver se isto do FAX CIS-MO vai ter o seu aquel. Dicíano así: ben sabiamos algunhas que os papás tan torpes non eran, pero pronunciábano daquel xeito para facer ver que a eles estas modernidades algo vellos os collían xa. A nós, en troques, o FAX-CIS-MO collíanos novas de máis, e sen querer saber se o mundo (non do presente, senón o que ía vir dentro de pouco: o dos nosos irmáns) había ser para nós. Nós estabamos a outras cousas. De tanto oír, porén, o señor aquel convertérase para algunhas de nós nun household name: un señor que de poeta virara en director de xornal: se iso se podía, todo se podía, matinabamos, ou ía poderse axiña. (Mesmo unha rapaza ía poder virar en director de xornal, pensabamos algunhas; outra dicían que nunca tal). Aquel ano anterior, cando volvéramos á casa polo Nadal, algunhas de nós déramos en ler o xornal aquel cando cadraba que os papás ou os irmáns o mercaban. Liamos só para ver se saía o nome de Sor Elvira Lecumberri (agora só Elvira Lecumberri), e algunha vez si: dúas, e 154 Eva Moreda

Made with FlippingBook flipbook maker