Spring 2024 - Recrudescence
Eva Moreda
as dúas por facer obras de caridade, que era unha cousa que tamén faciamos nós e as mamás. Coincidir niso deixáranos decepcionadas, pero diciamos para dentro: unha vez que se sae ao mundo, haberá que facer de todo. Matinabamos tamén que ás rapazas aquelas ás que lles facía caridade nunca lles diría de medir, de cortar a roupa sobre o propio corpo. Enténdanos ben: nós oiamos do faxcismo como oiamos de tantas outras cousas: vacinas, catastros, confeccións: cousas dos papás, dos irmáns tamén, as que os tiñan. Non nos escapaba, porén, o repoludos e ben guapos que se puxeran algúns dos papás co faxcismo, como se fose a segunda mocidade: peiteaban o pelo para atrás, barbeábanse con tino, mercaban traxes novos. Máis dunha e de dúas ben máis novas ca eles quedábanlles a mirar polas rúas; a nós, se iamos con eles, algo celosas nos poñían tamén aquelas outras mulleres. O mundo vai cambiar, dicían nosos irmáns máis vellos para explicalo: pero os irmáns máis vellos dicían tantas cousas (e moitas, xusto, de cambiar o mundo ou de non cambialo) que non lles faciamos tampouco moito caso. De volta do Nadal, algo de todo isto leváramos para Polar, pero foi con tanto disimulo que case quedou en nada, porque, de todo o que fose faxcismo, as monxas non querían nin oír falar. Unha vez, anos antes, case lles pecharan o colexio por culpa do fax-cismo e desde entón gardábanse ben. Viñera daquela unha inspectora, ben altiva, ben cinchada cun abrigo escuro que marcaba a cintura. Éramos daquela aínda todas novas e xuntábamonos detrás das portas entreabertas para vela pasar: como ía falar con Sor Dolor, con Sor Mártara a Nova, e mesmo coas que en Polar pouco mandaban: Sor Mártara a Vella, Sor O’Malley, Sor Chinta, Sor Radegunda. Cando ía a inspectora falar con esta última, a Sor Dolor, a Sor Mártara a Nova, poñíanselles grandes os ollos de horror. Sor Radegunda, aínda que estaba paralizada de cintura para abaixo e case todo o tempo o pasaba na celda, estudara de noviña en Hildesheim e gustaba de todo o que cheirase a Alemaña: revistas, linguas antigas, música antiga, mesmo se a nós do que nos daba clase era de matemáticas. Foi a inspectora pola celda de Sor Radegunda, logo, e díxolle de ver as revistas: viunas e nada nos dixera de importancia, pero Sor Dolor, Sor Mártara a Nova, espantaran e dixeran: Aquí en Polar, pola porta 156
Made with FlippingBook flipbook maker