Spring 2024 - Recrudescence
Eva Moreda
adiante, estas cousas non entran máis. Polo menos no que se ve. Nós, coitadas monxas que somos, só podemos coidarnos das cousas que se ven; do demais, xa se coidará cada un ou cada unha. Quedara entón prohibido, non o faxcismo, porque non había que nomealo, senón, en xeral, moitas cousas que viñesen do século (unhas si e outras non: non había tampouco unha regra fixa, e naquilo demostraron as monxas, por unha vez, tino e intelixencia). E así, cando fora o de Sor Elvira Lecumberri, as monxas nada dixeran, nin para arriba nin para abaixo: só unha vez que lle tiramos algo da lingua a Sor Mártara a Vella, no tempo que aínda daba clases de costura por substituír á outra, dixo: “Cousas así pasan sempre en todos os conventos. Que lle queren: está na idade esa Elvira Lecumberri”. Na primeira clase de costura do curso que comezaba, fixemos todas por chamar moito a Sor Elvira Lecumberri para que nos axudase con isto, con aquilo (antes case nunca a chamabamos, porque explicaba tan ben as cousas ao comezo da clase que entendiamos á primeira). Todas as veces faciamos por chamala así: Sor Elvira Lecumberri. Xa víramos que volvera con cofia, pero. Sor Elvira Lecumberri isto, Sor Elvira Lecumberri aquilo; axúdeme con este pespunte, faga o favor, Sor Elvira Lecumberri. Ela todo o facía: non cun sorriso, pero é porque xa antes ben pouco sorría (en Polar só sorrían as monxas máis vellas). Daquel facer concluímos que era outra vez monxa: virara así na primeira persoa que coñeciamos na carne que estivera casada e agora xa non. Cando baixabamos a Agromos os domingos despois da misa, mercabamos o xornal aquel (cando chegaba) por ver se dabamos sabido algo máis do home aquel co que estivera casada Sor Elvira Lecumberri: queriamos ver quen era, como era, se Sor Elvira Lecumberri tamén lle tería cortado a roupa enriba da pel como nos mandaba a nós. No xornal non saía nunca nada del, non sendo o nome impreso debaixo da cabeceira: normal, pero servía para dármonos conta de que o señor aquel existir existía. Ao pouco chegou o San Martiño, e foi aquel o primeiro ano, tamén o derradeiro, que en Polar se fixo matanza. Mandáralle Sor Dolor a Sor O’Malley criar un bácoro por fóra da cociña e Sor O’Malley, que era muda e irlandesa, criárao ben e dera non se encariñado, pero logo o día da matanza, sendo Sor 158
Made with FlippingBook flipbook maker