Spring 2024 - Recrudescence

Eva Moreda

cousas todas que queriamos saber da propia boca, do propio corpo, de Sor Elvira Lecumberri. (Que como era Imogen de cara e de corpo? Debe crernos se lle dicimos que pouco nos lembramos diso: do que nos lembramos, é, por suposto, das cousas que importan. Cando pasou tempo, algunhas de entre nós deron en dicir: Esa Imogen xa sabiamos nós que non. E dicían tamén que Imogen era unha mulier nova que non levaba no colexio tantos anos como levabamos as demais. Pero todo isto foi a posteriori; non lle imos dicir tampouco que tivésemos unha clarividencia que, a aquela idade, non nos correspondía). Mandamos, logo, a Imogen coa misión; xa era o tempo da Inmaculada e facía ben de frío: había xa tempo que non nos deixaban as monxas ir bañarnos á poza que había ao pé do monte collendo en dirección contraria a Agromos. Dixémoslle a Imogen que ela tiña, primeiro de todo, que sentar con, estar preto de Sor Elvira Lecumberri: igual ca unha sobriña. Da Inmaculada ao solsticio non logo pasou case nada: viamos a Imogen achegarse a Sor Elvira Lecumberri, sobre todo no dining hall; semellábanos que estaba a facer todo o que lle dixéramos, pero aínda non esperabamos nada: a aquelas cousas había que darlles tempo. Isto logo nolo repetía tamén Imogen polas noites no dormitorio se algunha vez mostrabamos máis ansiedade da que tocaba. Chegaron logo as vacacións de Nadal; algo de mágoa si que nos deu, pero igual que nos daba sempre: case non nos afixéramos a Polar despois do verán e xa había que deixalo atrás: sempre en Nadal, case sempre tamén en Semana Santa, menos cando cadraba que marchaban os pais dalgunha a Roma ou Florencia pasar o domingo de Pascua e deixábana quedar no colexio. Daquela vez, porén, non quedou ningunha, e nas casas, soas como estabamos sempre, demos en pensar: e que andará a facer xusto agora Sor Elvira Lecumberri? E que andará a facer: picábanos dentro, en silencio, a pregunta aquela: algunha vez chegamos a poñer a pluma enriba do papel para ver de escribirlle a Imogen e que nos contase, pero ao pouco decidimos cada unha que mellor que non. (Todo, por separado: nas vacacións preferiamos non falarmos moito as unhas coas outras, menos cando por casualidade nos atopabamos 162

Made with FlippingBook flipbook maker