Spring 2024 - Recrudescence
Eva Moreda
entrando ou saíndo de misas, que aquela época do ano era sempre de ir a moitas misas; mesmo entón nada máis que nos diciamos ola, adeus, boa noite, boas festas). O día que volvemos a Polar, catro de entre nós xuraron que viran a Sor Elvira Lecumberri nas festas (unha na Coruña, dúas en Vigo, unha en Betanzos) e sempre naquelas visións Sor Elvira Lecumberri levaba pantalón e non levaba cofia. Aínda antes de rematar o primeiro almorzo despois da volta concluímos que todo aquilo non quería dicir nada: todas aquelas coincidencias non podían ser outra cousa que os restos de alucinacións que nos viñan cando estabamos soas. Volvemos entón ás nosas tarefas, cos ósos aínda doéndonos da viaxe no Castromil, e seguimos polo segundo term adiante a mirar para Imogen. Imogen, mentres as outras rapazas contaban na mesa das súas visións, quedara mirando, sorrindo de esguello. E logo que?, preguntámoslle. Que? E non sabes que diante das monxas non se pode, non se debe sorrir: iso sabémolo todas desde o día que entramos polo portón adiante. Ela dixo: Pero eu non son coma vós: ando on a mission: xa vos esqueceu? Xiramos entón a cabeza, vimos na mesa das monxas a Sor Elvira Lecumberri empuxar con delicadeza un biscoito ata o padal mesmo: suspiramos todas á vez, pero é tamén que o primeiro, o segundo día de volver a Polar andabamos sempre ben sensibles. Logo tocou o timbre e fomos para as clases: Sor Chinta, Sor Dolor, Sor Mártara a Nova, Sor Mariacamilla. Aprender non aprendiamos moito en Polar, era verdade, pero só a un estranxeiro ou a unha persoa que non nos entendese se lle ocorrería pensar que estabamos aló para aprender: estabamos para estar en Polar as unhas coas outras. Pasados os primeiros días de despoi do Nadal, sorprendémonos de ver unha mañá no almorzo a Imogen se xuntar máis do que tocaba con Sor Elvira Lecumberri no dining hall, e logo, para o día seguinte e para o outro, igual. Ti mira ben o que fas, diciámoslle despois a Imogen no dormitorio de todas, con ela sentada enriba da cama coas pernas ao estilo indio, cepillando a cabeleira. Nós non che imos dicir nada, pero se che deixamos ir será tamén para que nos contes logo cousas: ou que? Cando sentas na misa con Sor 164
Made with FlippingBook flipbook maker