Spring 2024 - Recrudescence

Eva Moreda

Elvira Lecumberi, cando che di de ordenarlle a caixa das agullas, que che di? Algo che dirá. Algo che contará. Algo, dicía Imogen, elusiva. Pero estas cousas levan tempo. Naquilo tiñamos que darlle a razón. Así nos tivo varias semanas (que era lista para aquelas cousas, a cabroa dela); logo empezou a nos contar, sempre aos poucos. Mirade, dicíanos no dormitorio, poñendo voz de saber. Mirade que eles dous xa se coñecían de antes por un irmán de Sor Elvira Lecumberri que é poeta e redactor (igual cós nosos, pensabamos admiradas). Ou pensades que o director dun xornal, e dun xornal como ese ademais, ía vir aquí para lle facer as beiras a unha monxa? Un xornal como que, increpábamola as demais, poñéndonos serias. (Por dentro, non deixaba de nos comer a curiosidade: nós, como Sor Elvira Lecumberri, tiñamos irmáns, e algúns deles eran poetas e redactores, pero: como nos ían dar presentado eles a ningún dos seus amigos, se nós estabamos todo o tempo en Polar? Na casa viamos de pasada algún, pero lles escapabamos, porque non estabamos afeitas a estas con xente). Pois un xornal coma ese, coma ese, dicía Imogen. Ese que ides mercar á tenda do Eliseo en Agromos: ou pensades que non vos ven as monxas cando ides? Ben que vos ven, e aína máis: logo queren ir elas detrás, pero se aguantan. Mirade o que vos digo: o país enteiro quere ir detrás, e vai ir. E o país, cando vaia, non dará a volta como deu Sor Elvira Lecumberri. Cando dicía aquilo Imogen, axitábansenos as carnes dentro da blusa, porque sabiamos que cousas coma esa non se podían dicir, nin dentro de Polar nin fóra. Algunha mesmo se atreveu a dicir en voz algo máis alta da que tocaba: Imogen: a ver se tiras da boca esas porcalladas, Imogen. Sabemos que o teu avó tiña porcos na corte e os mataba coas mans: xente coma el si que se botaría sen vergoña, sen pensar, a todas esas cousas que ese xornal quere traer a este país. Nós temos máis sentidiño. Imogen estiraba as pernas enriba da cama, volvía sorrir: a porca dela, pensabamos entón. O que máis nos proía, porén, era decatarnos de que Imogen comezara a mudar: máis o viamos canta máis calor caía de enriba e máis medraban os días. Todo era entón roupa máis fina, máis tempo de luz para pensar ou para se dar conta de cousas. Ao contemplar a Imogen, coas mangas máis arremangadas do normal, 166

Made with FlippingBook flipbook maker