Spring 2024 - Recrudescence
Eva Moreda
para nos contar, insistiámoslle de noite a Imogen (porque queriamos tamén que nos contase ela da súa boca), xa mudadas mentres ela cepillaba no cabelo con parsimonia: ela si que non se aceleraba nada e mesmo se encollía de ombros con despego. Entón, algunhas de nós colliamos os cepillos polo puño, con raiba, como para darlle con eles a Imogen unha malleira nas cachas; outras, por detrás, poñíanlles a estas a man no ombreiro, como pra dicir: Pero que: esperemos mellor a oír o que teña que dicir Imogen, que aquí somos todas de crer nas palabras. Imogen tardaba, pero ao cabo falaba sempre, e sempre tiña que dicir bastante. Preguntábamoslle: A ver que diches sabido dese home. Ela suspiraba e dicía: Moitas cousas, porque, sabedes que? Que Sor Elvira Lecumberri, por moito que se lave e se fregue, non pode toller o olor dese home nin das súas cousas de dentro e de enriba dela. Évos sempre así. Foi coas mamás, será con nós. Sen case pensar, contestabámoslle: Tira esas porcalladas da boca, Imogen. (Algo si que queriamos saber máis daquelas cousas, porque estabamos na idade, pero tamén nos repelían). Tira esas porcalladas da boca e cóntanos o que importa de verdade: como se coñeceron, que lle viu a el Sor Elvira Lecumberri, etc. Iso xusto é o que importa, dixo ela. Importa porque o olor dese home - e agora tamén o de Sor Elvira Lecumberri - é o olor do que ten dentro do miolo: agora pensan e ulen os dous igual, e así é como acabaremos ulindo e pensando todas. Acabaredes: é lei de vida. Isto (o “acabaredes”, sobre todo, o C ben explosivo) espantábanos sempre. Diciámoslle entón, derrotadas: Boh, Imogen. Boh. Deixa xa a misión: xa non fai falta. Esquece a Sor Elvira Lecumberri. Nós tamén hemos esquecer; non somos xa as de hai catro, cinco meses: esquece. (Por dentro, o pensamento de deixalo sen máis abríanos as carnes, porque éramos mozas e curiosas, pero o máis importante era facer que Imogen esquecese, para que non nos levase con ela polos camiños aqueles). Imogen retrucaba: Como vou esquecer agora que descubrín o máis importante. Vós ídelo descubrir tamén: en realidade, xa o descubristes, pero de todo facedes con tal de non vos decatar. Dígovos unha cousa: así non se pode andar pola vida. Aquela noite, cada unha na cama súa, pensamos en todo o que acontecera nos meses anteriores e chegamos todas a unha 170
Made with FlippingBook flipbook maker