Spring 2024 - Recrudescence
Eva Moreda
terceiro piso para o patio abaixo. A próxima vez que as vexamos, teremos que mandalas á enfermería con Sor O’Malley, que para iso está. Nós poñíamonos ben dereitas, afoutas, e corriamos polo patio adiante. Mesmo dábamos en pelexar as unhas coas outras, para facer ver que nunca tan fortes estivéramos, mazándonos nas carnes co puño pechado, e así, de paso, botabamos para fóra tamén o que se nos cocía dentro. Non lle teremos que dicir que a Imogen, daquelas veces, nin nos achegábamos: aí estaba soa, a cabroa dela, e sorría e calaba como se nada lle importase. Chegou logo o sábado; pola mañá tiñamos a hora que lle chamaban de estudo, e case toda a pasamos a mirar da fiestra para fóra (estudo, xa se dará vostede conta era un poñer: moitas liamos novelas ou escribiamos cousas de nós. As que estudaban facíano cunha devoción que non sabiamos de onde colléramos: das monxas non, xa lle dicimos). Fomos xantar cando tocaba e cando rematamos foi como se a luz do día nos tirase para fóra, cara á poza, pero aquilo, se o pensamos ben, era o que pasaba sempre. Baixando pola corredoira pina, miramos para atrás para ver se viña Imogen camiñando connosco: camiñaba, viña, e entón, a cada unha por separado, algo nos pinchaba no corazón, porque se Imogen camiñaba connosco sería que algo aínda era tamén nós. Chegamos ao pé do outeiro, collemos para a poza: xa daquela iamos pensando que igual fora Imogen parte de nós antes, pero non agora (porque en Polar era difícil pensar o presente, logo o pasado, logo o futuro). Así, quecéndonos o sol, chegamos á poza; ao primeiro andamos todas ocupadas a nos espir e a nos admirar de como o sol nos entraba pola pel. Fomos para auga; chapoteamos, mergullamos as cabezas e volvemos saír, como facíamos sempre. Pareceunos tamén que estaba a auga máis quente que de normal. Estabamos, logo, xa todas na auga e vimos que Imogen non; miramos entón para a terraferma e vímola camiñar cara a nós. Alí viña sorrindo, coa pel brillándolle como se a trouxese cuberta de escamas, a cabrona dela. Haberános desculpar, pero: a cabrona dela, aló viña como se fose superior ao resto de nós: e era.
Como lle podemos contar o que pasou? Non lle imos dicir 176
Made with FlippingBook flipbook maker